A Plataforma Galega de Voluntariado inicia unha nova etapa cun fito moi especial: a constitución da súa primeira Xunta Directiva, que asume o cargo con ilusión, responsabilidade e moitas ganas de traballar polo fortalecemento do voluntariado en Galicia.
Tras un proceso colectivo de reflexión, diálogo e construción compartida, a nova Xunta Directiva recolle o testemuño da traxectoria da Plataforma Coruñesa de Voluntariado e dá un paso adiante para consolidar unha rede galega diversa, plural e representativa das distintas realidades da acción voluntaria no noso territorio.
A Xunta Directiva queda conformada polas seguintes persoas, en representación das súas respectivas entidades:
- Presidencia: Lorena Boga García – Fundación Ayuda en Acción
- Vicepresidencia: Paula Gárate Formoso – Asociación Sociocultural ASCM
- Secretaría: Jesús Manuel Barreiro Sampedro – Federación de Centros Xuvenís Dos Bosco de Galicia
- Tesouraría: José Luis Barreiro Areses – Fundación Entreculturas
- Vogalías:
- Juan Antonio Ortiz Delgado – Arquitectura sin Fronteras
- Oliva García Trasancos – Asociación Nacional de Agrupaciones de Voluntarios Protección Civil (ANAV)
- Belén Piñeiro Costas – Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galcia (AFAGA)
Todas elas representan entidades comprometidas coa transformación social, os dereitos humanos e a participación cidadá, e achegan á Plataforma experiencias e miradas diversas procedentes de distintos ámbitos do voluntariado: social, educativo, xuvenil, comunitario, emerxencias, cooperación, entre outros.
Desde a Plataforma Galega de Voluntariado queremos agradecer a dispoñibilidade, o compromiso e a xenerosidade das persoas que conforman esta primeira Xunta Directiva. Afrontan esta responsabilidade coa vontade de escoitar, sumar e traballar de maneira colectiva, fortalecendo o papel das entidades de voluntariado e defendendo unha acción voluntaria ética, transformadora e de calidade en Galicia.
Comeza así unha nova etapa ilusionante, que confiamos sexa tamén un punto de inflexión para seguir facendo do voluntariado un piar fundamental da nosa sociedade.